Monday, 9 January 2012

A Comisión Europea lanza unha iniciativa para reducir o desemprego xuvenil

 
Bruxelas, 20 de decembro de 2011.- A Comisión Europea presentou hoxe a nova ‘Iniciativa de oportunidades para a xuventude’ destinada a loitar contra o desemprego xuvenil, que acadou este ano unha taxa do 21% en Europa. A institución solicita aos Estados membros, aos representantes dos traballadores e ás empresas que aúñen esforzos e tomen medidas para reducir esta taxa.
En concreto, solicita aos Estados membros que traballen na prevención do abandono escolar prematuro e que axuden aos xoves a desenvolver as capacidades adecuadas para acceder ao mercado laboral. Así como, que axuden aos xoves a atopar un primeiro emprego de boa calidade. Para lograr estes obxectivos, a Comisión anima aos Estados membros a empregar mellor o Fondo Social Europeo, que dispón de 300.000 millóns de euros de financiamento que aínda non foron comprometidos para proxectos.
Ademais, a Comisión presentou unha seria de medidas concretas que serán financiadas a través da ‘Iniciativa de oportunidades para a xuventude’:
- A creación de sistemas de ‘garantía xuvenil’, para lograr que os xoves traballen ou cursen planes de formación tras deixar a escola, disporá dunha dotación de 4 millóns de euros.
- A creación de prazas de aprendiz a través do Fondo Social Europeo contará cun financiamento de 1,3 millóns de euros.
- A creación de sistemas de axuda para xoves que están constituíndo unha empresa ou para os emprendedores sociais, terá un financiamento de 3 millóns de euros da Asistencia Técnica do Fondo Social Europeo.
- O reforzo da colocación dos xoves en empresas e o incremento dos participantes nos programas Erasmus e Leonardo da Vinci. O obxectivo e lograr polo menos 130.000 colocacións no marco destes programas en 2012.
- O apoio á busca de emprego a través da iniciativa ‘O teu primeiro emprego EURES’.
- O reforzo do orzamento destinado ao Servizo Voluntario Europeo.
- A elaboración dun novo marco para a realización de períodos de prácticas de alta calidade para 2012.
As accións propostas pola Comisión constitúen un punto de partida para que os Estados membros desenvolvan medidas suplementarias relacionadas cos xoves no marco da seguinte xeración de programas do Fondo Social Europeo e como parte do presuposto da UE correspondente ao período 2014-2020.

No comments: